Arte

A arte (do latín ars, artis, a través do seu acusativo singular artem) é entendida xeralmente como calquera actividade ou produto realizado polo ser humano cunha finalidade estética ou comunicativa, a través do que se expresan ideas, emocións ou, en xeral, unha visión do mundo, mediante diversos recursos, como as plásticos, lingüísticos, sonoros ou mixtos. A arte é un compoñente da cultura, reflectindo na súa concepción os substratos económicos e sociais, e a transmisión de ideas e valores, inherentes a calquera cultura humana ó longo do espazo e do tempo. Adoita considerarse que coa aparición do Homo sapiens a arte tivo en principio unha función ritual, máxica ou relixiosa, pero esa función cambiou coa evolución do ser humano, adquirindo un compoñente estético e unha función social, pedagóxica, mercantil ou simplemente ornamental. A arte é unha actividade exclusiva do ser humano. A noción de arte continúa hoxe en día suxeita a profundas polémicas, posto que a súa definición está aberta a múltiples interpretacións, que varían segundo a cultura, a época, o movemento, ou a sociedade para a cal o termo ten un determinado sentido. O vocábulo arte ten unha extensa acepción, podendo designar calquera actividade humana feita con xeito e dedicación, ou calquera conxunto de regras necesarias para desenvolver de forma óptima unha actividade: fálase así de arte culinaria, arte médica, artes marciais, artes de arrastre na pesca etc. Nese sentido, arte é sinónimo de capacidade, habilidade, talento, experiencia. Porén, máis comunmente adoita ser considerada a arte como unha actividade creadora do ser humano, pola que produce unha serie de obxectos (obras de arte) que son singulares, e cuxa finalidade é principalmente estética. Nese contexto, arte sería a xeneralización dun concepto expresado desde antano como “belas artes”, actualmente algo en desuso e reducido a ámbitos académicos e administrativos. De igual forma, o emprego da palabra arte para designar a realización doutras actividades veu sendo substituído por termos como técnica ou oficio. Neste artigo trátase de arte entendida como un medio de expresión humana de carácter creativo.


Developed by StudentB